lunes, 17 de junio de 2013

Loitando contra o olvido

En 1994 un grupo de familiares de enfermos de Alzheimer decidiu unir forzas e experiencias para crear AGADEA, unha asociación sen ánimo de lucro onde a día de hoxe seguemos a buscar xuntos respostas, apoios e recursos a fin de proporcionar mellores coidados e con menos dificultades aos nosos enfermos.

Desde AGADEA pretendemos a través de diversos programas e obradoiros mellorar a calidade de vida dos afectados por esta enfermidade de Alzheimer, frecuente a partir dos 65 anos e constituida por unha lesión cerebral orgánica que orixina a perda progresiva das funcións cognitivas (memoria, linguaxe, atención, orientación...) así como cambios na personalidade e na conducta que requiren un amplo espectro de coidados.

Para manter e mellorar as habilidades cognitivas, afectivas, conductuais e funcionais dos enfermos realizamos obradoiros de estimulación cognitiva; un conxunto de intervencións en pequenos grupos de 7 a 10 persoas dirixidos por unha psicóloga e apoiados por un equipo multidisciplinar (con terapeuta ocupacional, traballadora social, terapeuta ocupacional e tres xerocultoras), ademáis da participación de voluntarias e voluntarios que prestan a súa colaboración. As actividades que impulsamos son de orixe moi diversa, dende o Programa de Acollida para apoiar aos familiares, a Grupos de Axuda Mútua co obxectivo de fomentar o apoio socioemocional, Fisioterapia a Domicilio, Formación Periódica Gratuíta para coidadores e voluntarios ou Apoio legal no tocante ás consultas. 



Neste blog contaremos as vivencias persoais froito da experiencia de voluntarios e traballadores de AGADEA, ademáis da colaboración en terapias da nosa cadeliña, Dama. xa que detrás de cada enfermo existe unha historia que contar e escoitar, e milleiros de recordos como enorme motivo para seguir loitando contra o olvido. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario